Monday 29 de April de 2024

Mariñas Coruñesas e Coca Cola promoven a creación de máis 50 caixas niño para as contornas dos restaurantes e aloxamentos da Reserva


• Unha vintena de persoas voluntarias que forman parte do persoal de Coca Cola da Coruña acudiron esta mañá á sede do organismo para construír estes elementos.

• O principal obxectivo da iniciativa é mellorar a biodiversidade en todo o territorio, reforzando o compromiso ambiental das empresas certificadas coa Reserva e os seus valores.

• A xornada estivo financiada por Coca Cola, a través da súa Responsabilidade Social Corporativa e coa colaboración da Reserva de Biosfera.

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Coca Cola promoveron esta mañá unha xornada para a construción de máis 50 caixas niño, que se instalarán nas contornas dos restaurantes e aloxamentos da Reserva, ao longo dos 17 municipios que a integran.
Unha vintena de persoas voluntarias que forman parte do persoal de Coca Cola da Coruña acudiron esta mañá á sede do organismo para levar a cabo a acción. A xornada estivo financiada por Coca Cola, a través da súa Responsabilidade Social Corporativa e coa colaboración da Reserva de Biosfera. Tamén participou o grupo local SÉ Birdlife de Pontevedra, da Sociedade Española de Ornitoloxía, a ONG ambiental decana en España.
Deulles a benvida aos participantes o presidente da Reserva, José Antonio Santiso, quen agradeceu “o compromiso e implicación coa biodiversidade do noso territorio”, nunha xornada, subliñou, “protagonizada por unha acción que ten importancia hoxe, pero que será moi relevante no medio e longo prazo”.
Diego López, técnico da Reserva de Biosfera, destacou que “queremos agradecer a Coca Cola a súa colaboración, hoxe e sempre, con Mariñas Coruñesas, tamén por achegarnos a grupos ambientalistas de gran percorrido histórico como SÉ Birdlife, e a de hoxe é unha pequena acción que quizais non lle damos a importancia que ten, pero que sen dúbida o é. Estes elementos van colocar na contorna dos establecementos da Reserva con especies que son controladoras de pragas, en canto a moitas producións que temos no noso territorio. Son actividades de responsabilidade social nas que implicamos á cadea turística, a todo o ecosistema turístico, que están comprometidas e traballando nesta liña”.
Pola súa banda, María Troncoso, xestora de Comunicación de Coca Cola, sinalou que “estamos encantados e encantadas de formar parte da xornada de hoxe. Temos a posibilidade de varios días ao ano de poder participar en accións de carácter social e medio ambiental e fainos sentirnos orgullosos de pertencer á empresa para a que traballamos”.